Friday 17 de May de 2024

O Ciclo Principal de Outono do Teatro Rosalía arrinca mañá con gran parte das entradas vendidas


A programación está composta por 11 obras de gran relevancia nacional e internacional

O Teatro Rosalía de Castro acolle deste este venres, 15 de setembro, unha nova edición do seu Ciclo Principal de Outono, que se desenvolverá ata o mes de decembro cun total de 11 propostas teatrais de ámbito galego, nacional e internacional. “O programa que comeza mañá é unha boa mostra do compromiso da nosa alcaldesa, Inés Rey, coa cultura e coa súa calidade dentro de espazos tan detacados a nivel galego como é o Teatro Rosalía”, sinalou Gonzalo Castro, concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade.

A programación comezará estes días 15 e 16 de setembro coa representación de ‘La isla del aire’, de Alejandro Palomas. Será unha cita moi especial, pois este é o último traballo da reputada actriz Núria Espert. Tamén en setembro, o 29 e 30, terá lugar a representación de ‘Hamelin’, de Juan Mayorga, na versión e dirección de Álex Sampayo. Trátase dunha das propostas galegas do programa.

A seguinte, tamén galega, será ‘Arraianos’, o 6 e 7 de outubro. A obra de Xosé Luis Méndez Ferrín está dirixida por Ánxeles Cuña. Pechará o mes de outubro outra dobre función, neste caso de ‘Supernormales’, da galega Esther F. Carrodeguas, finalista dos premios Max, e dirixida por Iñaki Rikarte. Esta obra do Centro Dramático Nacional representarase os días 20 e 21 e integra un elenco de persoas con e sen discapacidades. Forma parte da aposta do CDN pola diversidade nas súas obras e tamén do fomento por parte do Concello de iniciativas que integren a todas as persoas.

Novembro comezará con dobre función de ‘Cielos’, de Wajdi Mouawad, os días 3 e 4. O 17 e 18 de novembro terá lugar outro dos pratos fortes do programa coa representación de ‘Constante’, na versión de Guillermo Calderón e Gabriel Calderón sobre ‘El príncipe Constante’, de Calderón de la Barca. A produción uruguaia chega á Coruña nunha das súas poucas datas na Península. Pechará o mes de novembro, os días 24 e 25, ‘Búho’, de Diego Lorca.

O mes de decembro será de alta intensidade, con catro espectáculos programados dentro do Ciclo Principal. Abrirá o mes, os días 15 e 16, ‘Abre el ojo’, de Rojas Zorrilla. A seguinte obra representada será ‘Adictos’, de Daniel Dicenta Herrera e Juanma Gómez, o 21 e 22 de decembro. O día 22 será a quenda de ‘Ma Solitud’, de Guillem Albà, Sergio Martínez e Joan Arqué. Trátase dun espectáculo de proximidade e pequeno formato, reservado para só 40 espectadores. ‘Síbaris’, de Domingo Vilar, pechará a programación o 28 e 29 de decembro.

Horarios e entradas
Todas as funcións representaranse ás 20.30 horas excepto ‘Ma Solitud’, que terá dobre pase ás 18.30 e 19.30 horas. O pasado 8 de setembro comezou a venda de entradas para o público xeral, tras a campaña de abonados e abonadas. O ritmo de venda de entradas é moi alto e quedan moi poucas dispoñibles para as primeiras funcións.

Como novidade, o Teatro Rosalía contará cun novo sistema de auriculares a través dos que se poderá recibir sinal amplificada do son e permitirá, deste xeito, seguir a función ás persoas con dificultades auditivas. Este material adquiriuse grazas a unha subvención dos fondos Next Generation 2022 obtidos polo Concello.